pontevedraviva.com
'Bibopalula' sae de xira cun espectáculo infantil ao grande
Robin, Carpin, Merli e Pegui son A Banda do Bosque, un grupo de paxaros que fan música. Déronse a coñecer entre as nenas e nenos a través das pantallas en Xabarin.gal cunha serie musical de cincuenta e cinco capítulos que en poucos días conseguiu ser o contido máis visto da plataforma de contidos infantís. Tal foi o éxito que desde Ainé, a produtora do actor Xosé A. Touriñán, non o dubidaron. Habituados a encher teatros e auditorios por toda Galicia cos seus espectáculos de comedia decidiron lanzarse á produción escénica infantil cunha proposta que o ten todo para triunfar: cancións, coreografías, efectos especiais... O espectáculo de Bibopalula sae de xira durante todo o mes de xuño cunha proposta nada habitual en Galicia: cinco actrices sobre as táboas, un equipo técnico e de produción de máis de dez persoas, un decorado que fará de cada escenario un gran bosque, decenas de focos e proxeccións para que a experiencia das pequenas e pequenos espectadores sexa inesquecible. O espectáculo de Bibopalula sae de xiraAiné Producións Lidia Veiga é a protagonista da peza e interpreta a Ava, unha experta observadora de paxaros, encargada de guiar ao público nunha divertidísima viaxe polo bosque na procura dun gran tesouro. Os fenómenos meteorolóxicos, a escuridade da noite ou os medos e inquedanzas de cada un dos membros da Banda do Bosque serán obstáculos a superar durante os cincuenta minutos de espectáculo. Non faltarán sobre o escenario outros personaxes queridos polas nenas e nenos, como o Señor Moucho ou Pombo, que interpreta o propio Touriñán. A peza está dirixida a cativas e cativos de entre 3 e 8 anos, que sairán do teatro cun pequeno agasallo co que revivir a experiencia a través dun xogo interactivo co que aprenderán moito máis sobre o bosque e os paxaros que o habitan, e desfrutarán de máis cancións. O espectáculo de Bibopalula estrearase o 7 de xuño na Coruña e xirará por toda Galicia todas as fins de semana do mes. En Pontevedra estará o sábado 14, no Auditorio Sede Afundación, cun pase previsto ás 17.30 horas para o que as entradas xa están á venda. A Xunta de Galicia, a través das súas subvencións á creación escénica, o Concello da Coruña e Deleite fan posible esta produción de Ainé, a compañía que lidera a venda de entradas para espectáculos en galego desde hai xa varios anos con propostas como Somos Criminais ou Fariña.